
Adrián M. Pereiro
O meu primeiro contacto coa luthería foi a través dunha zanfona. Así, cunha caixa de viño de madeira, nubes de po e moita ilusión, puxen mans á obra. Cando rematei “aquel instrumento” (e grazas a un antigo mestre de guitarra), coñecín ao luthier César Arias. Ao descubrir aquel obradoiro quedei prendado…
De natureza inqueda, tomei un rumbo diferente e decidín estudar Socioloxía, aínda que a luthería seguía rondando pola miña cabeza de cando en vez. Deste xeito, ao rematar aquel periplo universitario dei o salto ao campo da luthería e saquei as primeiras virutas coa axuda do mestre Ramón Casal na Escola de Artes e Oficios de Vigo (EMAO). Tras completar o primeiro ano matriculeime na Escola Vasca de Luthería de Bilbao (BELE), onde aprendín durante tres anos da man de Unai Igartua, Luís Artola, Jabier Guraya e Ander Arroitajauregui. A escola abriume as portas a asistir a cursos de formación con profesionais como Silvio Levaggi, Michele Dobner, Philip Ihle, Sergio Chanquía ou Robin Aitchison, entre outros.
Durante estes anos coñecín ao luthier e amigo Carlos Barrós e a Blai Sintes (Bilbao), quen me apoiaron e axudaron, complementando a formación recibida na escola.
Tiven a oportunidade de realizar estancias de traballo e formación con Asier de Benito (Valencia), José Catoira (A Coruña), Naiara Maiztegui (Barcelona), Pablo Sanz (Valladolid) e Fernando Sánchez Contra (Madrid). Grazas a unha bolsa ERASMUS viaxei a Chipre, onde tiven o privilexio de formarme co luthier Stepan Soultanian, con quen consolidei a disciplina e a técnica de traballo. Posteriormente realicei unha estancia de formación ERASMUS para emprendedores en Alemaña, onde aprendín da man de Mira e Gideon (Gruszow Baumblatt Luthiers).
Actualmente teño o meu propio taller na Coruña, onde ofrezo un servizo ao músico de corda fregada baseado na profesionalidade e na proximidade.

Proxecto chelo galego
Bolsa Ensaia
No ano 2023 tiven a honra de ser beneficiario da bolsa Ensaia. Grazas a ela e ao traballo desinteresado de amigos e coñecidos, máis adiante puiden facer o primeiro “chelo galego”, un proxecto de investigación acústica e de posta en valor de iniciativas vinculadas ao medio rural.
Finalmente, en 2024 puiden levar a cabo dita investigación e a construción do “chelo galego”.
Trátase dun instrumento feito no seu 100 % con madeira obtida directamente de Galicia. Os resultados acústicos obtidos coa axuda da Escola de Luthería de Bilbao BELE achegaron información e datos moi reveladores ao respecto.





